Coma todas as historias do mundo, a historia da TNT comeza cun sentimento, cun proxecto dun grupo de amigos , nados na atmosfera das Bandas de Música, dos concellos de Teo e A Estrada. O soño faise realidade cando as verbas comezan a converterse en ensaios, cando fan as primeiras camisetas, que agora se entenden coma un símbolo do seu principio, como un reflexo do que eran e do que son. Por aqueles tempos fixeron, con nervios e ilusión a un tempo, a que sería a súa primeira de tantas festas na parroquia de Vilariño, no concello de Teo. Dende ese momento a formación da charanga queda establecida como tal, e comeza a buscarse un oco dentro do panorama de charangas de Galicia.
Teñen todos os seus compoñentes estudios musicais regrados polo conservatorio, ademais ampliaron a súa formación musical nos eidos da música clásica, da man das escolas de música das Bandas, así como da súa participación nelas.
Son un grupo heteroxéneo pois o grado de formación varía cuns respecto a outros, algúns deles colaboraron con orquestras, con agrupacións de música tradicional, de folk-fusión, de blues ou jazz… pero o resultado e un cóctel homoxéneo, pois o sentir da troula úneos nun obxectivo común: facer festa coa súa propia música.
Con pasos pequenos pero seguros, foron autofinanciándose todas as súas innovacións, tanto a nivel musical, como a nivel de recursos técnicos e de infraestrutura. Pasaron a ter os seus propios carros de percusión, o que os implicaría de tal xeito, que rematando co que comezaran, construíron un remolque para transportalos. Este, non sería posible sen a axuda dos patrocinadores, que souberon ver o potencial da charanga e apoiaron a formación en todo momento.
As cousas que comezan ben non se sabe a onde irán a parar, por iso, impulsados pola cantidade de actuacións que estaban a ter, no 2011 proxectaron un carro que sería a revolución galega. Contaban con experiencia no campo científico técnico de instalación de recursos electrónicos, xa que xa lle puxeran a un carro unha batería para instalar dous focos de led, confeti , disparador de chispas e un flash pequeno.
O novo carro estaba totalmente mecanizado e motorizado. Incorporaron un disparador de confeti , luces, flash, láser, máquina de fume e diversa pirotecnia; con único fin de divertir ó público e instalándose como unha das charangas pioneiras de Galicia en unir o espectáculo pirotécnico ó musical. Este feito serviría como referente para moitas outras charangas que estaban a comezar neses anos a súa andaina profesional, pois resultaba moi atractivo. É un sistema, que paradoxicamente, pode adaptarse a todo tipo de ambientes e festividades (como a música da charanga), xa que é programable e axustable segundo o usuario da festa. Era xa unha clara inversión, que os levaría a recorrer Galicia de festa en festa, e a saír da comunidade autónoma en contadas ocasións. A última delas no Marzo do 2013 no que saíron a Segovia á IV Concentración de Charangas “San Lorenzo 2013”.
O esencial foi que seguiron sendo un grupo de amigos, unidos e cas mesmas pretensións, o que facía da formación un equipo organizado, no que as cousas saen de forma natural. Isto, inevitablemente acaba relucindo na produtividade e no ben facer das cousas, e rematan por contaxiarte de boas vibracións, de ganas de troula e de amor pola música ben feita.
Foron conquistando campos inexplorados ata o momento, chegando a encargarse de todo tipo de eventos, dende vodas ata festas gastronómicas, pasando así por festas populares, festas patronais (como o Apóstolo de Santiago de Compostela ou o San Paio da Estrada), actos de apertura, cabalgatas do Nadal, pasacalles… e os grandes entroidos, nos que tan características son as charangas. Comezaron nos carnavais das parroquias da zona, logo pasaron ós da Ulla -chegando a ser mencionados polos famosos xenerais- pero o seu auxe neste campo ven dado pola contrata que comezou sendo parcial, e acabou por ser total, no Entroido de Xinzo da Limia, onde acoden cada ano miles de persoas co afán de observar o que eles chaman “O Entroido, un sentimento” do triángulo máxico do sur de Ourense. Como non podía ser doutro xeito a afluencia de xente implica unha enorme carga de traballo para as charangas, unha festa continua na que as pantallas e os disfraces bailan ó son da charanga TNT dende o 2011.
Nos bos e nos malos momentos a charanga permaneceu sempre unida, o que sen dúbida aumentaría exponencialmente a confianza entre eles e o compromiso do grupo. Mestúranse con todo tipo de público, pois o seu amplo e continuamente renovado repertorio, inclúe dende as pezas máis actuais, ata as máis clásicas, pasando por éxitos do pop e do rock internacional. Fan bailar a un avó cun neto, a dous mozos que se bican no torreiro, a unha parella de pais, a unha comisión de festas enteira… Adáptanse a todo tipo de situacións; ca regulación dos efectos especiais, ca vestimenta adecuada da ampla variedade de vestiarios que posúen, co repertorio, ca forma de actuar… Son o que alguén queira que sexan, son os desexos da xente convertidos en música, son as notas que voan pola nosa cabeza. Son a charanga TNT.